Aprobada a moción do BNG sobre a defensa da atención primaria
O pleno ordinario de decembro, celebrado este xoves 30, aprobou por unanimidade as dúas mocións presentadas polo BNG de Arteixo. En canto á defensa da Atención Primaria, o BNG denuncia a profunda crise estrutural que sofre, agravada agora pola pandemia. Os orzamentos destinados a esta só supoñen un 12% do total. Na moción solicitábase o seu aumento ao 25%, así como instar á Consellaría de Sanidade a acabar coa precariedade laboral e contratar máis recursos, melloras organizativas para que as persoas poidan acceder aos centros e circuítos seguros de mobilidade no seu interior.
Os nacionalistas destacan o éxito logrado no pleno, pois declarouse institucional a moción sobre a situación crítica do sector lácteo galego coa que o BNG insta á Xunta a promover un foro de encontro e negociación con todos os actores do sector así como a demandar do goberno do Estado que se dote aos sectores produtivos dunha ferramenta obxectiva que fixe uns custos de produción de referencia vinculantes e obrigatorios.
Preguntas e rogos
O BNG preguntou polo estado actual da confección do Plan Municipal de Fomento do Autoconsumo Fotovoltaico e respostouse que o Concello encargou en setembro un estudo sobre o desenvolvemento das enerxías renovabéis no municipio. O prazo é de 4 meses polo que en xaneiro debería estar dispoñible.
En canto á situación da AC415, o alcalde recoñeceu que no tramo entre SolyMar e Meicende aínda está sen pintar. Será a partir do 10 de xaneiro cando a empresa adxudicataria retomará os traballos.
En relación ás melloras viarias para garantir a seguridade da veciñanza, o alcalde recoñeceu o mal estado das vías en Chamín, Sorrizo e Figueiroa e comprometeuse en facer o inventario solicitado polo BNG.
Por último, preocupado pola situación das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, o BNG preguntou se xa se fixera o reparto de traballadoras por zona norte e sur, o goberno contestou que se está calibrando a asignación dos traballadores a unha ou outra. Engaden que se utilizarán criterios obxectivos e por horas e calculan que a sinatura será en xaneiro ou febreiro de 2022.
Outros temas
No pleno votouse a aprobación definitiva do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións para a creación dunha zona de equipamentos públicos en Vilarrodís. O BNG abstívose xa que, aínda que o BNG levou repetidas veces a mellora do contorno da escola de Vilarrodís, o dito plan non asegura esta dotación de infraestruturas que suponse irá nun proxecto posterior que está por ver.
No referente á aprobación provisional das Normas Subsidiarias de planeamento do Polígono de Sabón, o BNG votou en contra pola falta de planificación e a modificación parcela a parcela do plan. O que necesita o Polígono é unha reflexión total e un plan de futuro, non remendos continuos.