Aprobada a moción do BNG de Arteixo para mellorar as condicións do Servizo de Axuda no Fogar
O pleno de xullo de Arteixo, que se celebrou este xoves 28, aprobo a moción coa que o BNG solicitaba mellorar as condicións das persoas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar do municipio así como a oferta do propio servizo ás familias.
Co apoio do PP e PSOE, a moción dos nacionalistas quedou aprobada, recoñecendo o gran traballo e a función social esencial que desempeñan as traballadoras de atención no fogar. Ao tempo, ínstase á Xunta de Galiza a mellorar as condicións dos contratos do SAF, incrementando o prezo do servizo (aumentando o prezo por cada hora e non as horas), co fin de mellorar as condicións laborais das traballadoras e o servizo ofrecido ás familias. Ademais, na proposta pídese traballar, xunto coas empresas concesionarias e as organizacións sindicais, para que se garanta o cumprimento do Convenio Colectivo de Atención a Domicilio de Galiza, aboando o 6,5% pactado no mesmo. Finalmente, aprobouse que o goberno local lles esixa ás empresas concesionarias que cumpran coas traballadoras do SAF en materia de pagos e dereitos laborais.
Rogos e preguntas
O BNG interesouse sobre os problemas xurdidos no comedor do colexio Ponte dos Brozos no que 146 nenos e nenas quedaron fóra da listaxe de agarda do mesmo. Segundo o goberno local o problema está en vías de solución, polo que o BNG agarda que se cumpra.
En canto ao estado de perigosidade de estrada que une Rañobre e Suevos, o goberno deu toda a razón á queixa, botándolle a culpa á empresa que desenvolve os traballos, que xa acumula considerables retrasos e fallos de xestión.
Os nacionalistas volveron levar a limpeza viaria e os vertedeiros incontrolados no rural de Arteixo
Finalmente, o BNG ten coñecemento que no lugar de Sol e Mar, á altura da rúa Calderón de la Barca número 8, se veñen producindo unhas inundacións debido ao deterioro dun muro que suxeita un xardín público. O goberno local indica que o muro é privado, mais que está en marcha un estudo para a mellora de accesibilidade na zona.