Apoio firme do BNG de Arteixo para impedir as liñas de alta tensión
O pleno de agosto de Arteixo, que se celebrou este xoves 1 de setembro, aprobou co firme apoio do BNG a moción para solicitar que a Xunta de Galiza informe desfavorablemente a solicitude do proxecto de implantación das liñas de alta tensión de Monteagudo (Carballo) a Morás e que atravesarían a zona sur do termo municipal de Arteixo.
O BNG de Arteixo argumentou a falta de planificación do Plan Eólico da Xunta, que o único que pretende é o lucro da empresa privada e que non atende ao interese da sociedade arteixá nin ao seu patrimonio. “Estamos ante un proxecto que non crea riqueza na contorna e que ten alternativas como as que xa presentou o BNG en días pasados”, afirmou Xurxo Couto, portavoz do BNG en Arteixo.
No pleno tamén se aprobou a moción institucional, co apoio do BNG de Arteixo, para que a Xunta informe desfavorablemente ao Parque Eólico Pedra Queimada, que tamén afecta a Arteixo e parcelas e terreos de labranza, ademais de ferir enormemente ao patrimonio cultural do concello.
Finalmente, ante as alertas de falta de salubridade e hixiene da veciñanza, o BNG de Arteixo levou a pleno unha moción para controlar ás colonias de felinos domésticos na rúa, onde o Concello ten a obriga de actuar. “Estas colonias están sendo un problema porque se lles asocian outros animais como ratas que acoden alimentarse da súa comida”, alertou Couto. O goberno local comprometeuse a dar solución e creará no próximo prego de lacería, que sacará a concurso nos próximos meses, un programa para o control de colonias felinas en Arteixo.