O aparcamento de camións demandado polo BNG de Arteixo será unha realidade
Tras preguntar por cuarta vez pola solución aos perigos de seguridade viaria e de descanso para o colectivo do transporte, o goberno do PP asegura que estará operativo en Morás.
O BNG leva solicitando desde hai meses unha solución aos graves problemas de estacionamento do polígono de Sabón, que ocasionan non só queixas polo ruído e a inseguridade viaria, senón tamén polas condicións de descanso dun colectivo moi numeroso de traballadoras e traballadores que nestes momentos teñen que estacionar onde poden sen ningún tipo de servizo de calidade para o seu descanso e seguridade.
O BNG de Arteixo volve alertar destes problemas debidos á falta de lugares habilitados e a demandar un aparcamento para camións. “Vemos camións en beiravías con liña continua, en aparcamentos de pequenos núcleos, en cruces sen visibilidade... e iso é perigoso para os persoas que van camiñando, para os vehículos e tamén para os propios camións e os seus condutores”, comenta Xurxo Couto, portavoz municipal.
Meses despois, a teima e esforzo dos nacionalistas para conseguir habilitar un aparcamento para camións, semella que vai materializarse. Así o asegurou o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, ao preguntar de novo polo tema. “Onte estivemos co alcalde e aproveitamos para preguntarlle sobre o aparcamento alternativo no Polígono de Morás, que contaría con certa infraestrutura para comodidade dos usuarios. Dixo que estaba a piques de estar operativo, pois só faltaba a alta da acometida eléctrica”, comenta Xurxo Couto, portavoz municipal. O BNG seguirá insistindo no tema ata que este aparcamento - infraestrutura sexa unha realidade o máis pronto posible.
O BNG de Arteixo vai máis aló da cuestión. Considera que ten que existir unha planificación urbanística acorde coa realidade actual, unha política medioambiental e de infraestruturas que dean servizo non só as persoas que traballan nas áreas industriais, senón tamén aos núcleos de poboación. “Ninguén pode negar que hoxe Sabón, ou as áreas industriais de Meicende, están integradas no plano urbano e, polo tanto, cómpre dotalas de servizo e de melloras que hoxe non teñen: seguridade viaria, mellora da iluminación, beirarrúas, zonas verdes, aparcamentos…”, afirma Couto.