Ana Pontón: “Hai que aproveitar a oportunidade do 10N para facer valer Galiza no Estado da man do BNG”

acto-arteixo
No acto público interviron Xurxo Couto, Mercedes Queixas, Néstor Rego e Ana Pontón.

Néstor Rego, candidato número 1 ao Congreso pola Coruña, comprométese a defender no Congreso uns orzamentos que cubran as necesidades do país. Tamén as electrointensivas e o porto, prioridades para a comarca.

Ana Pontón: “Hai que aproveitar a oportunidade do 10N para facer valer Galiza no Estado da man do BNG”

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o acto público en Arteixo para instar os galegas e galegas a converter nunha oportunidade para Galiza o problema xerado “pola incompetencia” das forzas estatais, conseguindo recuperar voz propia no Congreso da man do BNG, a única forza “coas mans libres” para defender os intereses do país “sen ter que pedirlle permiso a ninguén”.

“Estamos aquí pola incompetencia e a inutilidade das forzas estatais que nos demostraron que lle pesan máis egos e intereses partidistas que os problemas que cada día soportan a xente deste país, que demostraron unha vez máis, até que punto a política que se fai desde Madrid non nos representa, e de novo deixaron negro sobre branco o desprezo co que tratan a Galiza”, denunciou.

Pontón amosouse convencida de que este 10N o Bloque vai obter representación na Cámara baixa despois de que o pasado 28A quedase ás portas de obter escano. “Duplicamos votos pero faltou un puñado de votos. O 10N non é a segunda volta de Pedro e Pablo, o 10N é a segunda volta para que Galiza recupere voz no Congreso da man do BNG”, proclamou.

Neste sentido, recalcou que a formación nacionalista “vai ir a por todas, porque non é un reto do BNG senón un reto de país” conseguir no Estado unha representación capaz de “facer valer” Galiza. Por iso, apelou a todas as persoas “cabreadas” para pedirlles que o 10N “aposten por sumar no BNG todo o voto en clave galega e de progreso. Non lles imos fallar”, comprometeu.

Pontón salientou a “urxencia” de recuperar o peso político que lle corresponde a  Galiza e sacala da “irrelevancia política” consecuencia da discriminación e do ninguneo das forzas estatais e das súas sucursais galegas. “Porque entre uns e outros estannos roubando o futuro, non só  o PP e  PSOE de Madrid, tamén o PP e o PSOE galegos, os que din que defenden Galiza pero están todo o tempo mirando para Madrid e facendo o que desde alí lle ordenan”.

“Vascos, cataláns, canarias, valencianas, até os cántabros teñen representación propia que pelexa polo seu, mentres Galiza está desaparecida porque ningún dos 23 deputados e deputadas do PP, PSOE ou Podemos defenden este país. Se queremos un país con futuro necesitamos organizacións políticas libres e a única organización política libre na Galiza chámase BNG, quen pode cambiar as cousas é o BNG”, proclamou.

A líder nacionalista exemplificou en Arteixo as consecuencias de non ter peso político no Estado para defender os intereses do país por exemplo do seu sector industrial.

Consecuencias da irrelevancia política

“Arteixo, no corazón da comarca da Coruña,  canta riqueza e emprego se xoga na crise de ALCOA? Cantos empregos se decae o porto exterior polo peche de ENDESA? Como lle afecta que aínda hoxe non estea saneada a Ría do Burgo? Canta riqueza e emprego se xoga Arteixo se os servizos que hoxe presta a empresa de telefonía R se van para Eusakdi? Como vai afectar a este concello e a esta comarca a crise industrial sen precedentes, o peche ou deslocalización de empresas?

“Pois todo isto é o que nos xogamos o 10N, e para saír en defensa do futuro deste concello e desta comarca é máis urxente ca nunca ter voz propia no Congreso da man do BNG”, concluíu.

Na súa intervención, o cabeza de lista pola Coruña, Néstor Rego, comprometeuse a esixir no Congreso uns investimentos necesarios para avanzar que respondan ás necesidades e urxencias do país, coma sempre fixo o BNG cando foi a voz de Galiza en Madrid. 

Porto e electrointensivas, prioridades

Lamentou así que PSOE e Podemos aprobaran un proxecto de orzamentos no que esqueceran esixir para este país "o mesmo trato que para outros". Neste sentido, prometeu que, como deputado, defenderá "a condonación da débeda do Porto da Coruña, como se fixo recentemente co Porto de Valencia, así como a execución do acceso ferroviario, absolutamente imprescindíbel para que o porto sexa plenamente operativo e para garantir a súa competitividade".

Igualmente, terá como prioridade buscar unha solución que "dea estabilidade ás industrias electrointensivas, que poña fin á incerteza de empresas como ALCOA ou Ferroatlántica, que garanta o mantemento dos postos de traballo pois a súa perda sería un mazazo económico e social fatal para Arteixo e para a comarca".

Compromiso tamén, ante a veciñanza de Arteixo, para reclamar a execución urxente da obra para evitar o paso de mercadorías perigosas por Meicende e o compromiso de construír un centro de interpretación para musealizar os restos do castro de Punta de Muras, actuacións esquecidas no proxecto de Orzamentos.

Ana Pontón: “Hai que aproveitar a oportunidade do 10N para facer valer Galiza no Estado da man do BNG”