Propostas do BNG para a xestión da crise do coronavirus en Arteixo

O BNG presenta medidas para combater a crise do COVID-19 en Arteixo.
O BNG presenta medidas para combater a crise do COVID-19 en Arteixo.

O BNG enviará as medidas ao comité de seguimento do COVID-19 que desenvolve o Concello de Arteixo.

Propostas do BNG para a xestión da crise do coronavirus en Arteixo

O BNG de Arteixo elaborou seis propostas para achegar o seu gran de area para combater a propagación do coronavirus e minimizar o impacto na calidade de vida das persoas. As medidas enviaranse ao comité de seguimento do COVID-19 que se está desenvolvendo desde o Concello de Arteixo.

O Concello adoptou, en maior ou menor medida, os puntos recollidos no Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, así cmo a normativa emitida pola Xunta de Galicia. Non obstante, cremos que hai cuestións para as que o Concello de Arteixo debe adoptar solución con urxencia.

  1. Arbitrar as medidas necesarias para que as persoas traballadoras do Servizo de Axuda a Domicilio teñan o material preciso para garantir a prestación do servizo con total seguridade. Ademais, o Concello deberá estar en continuo contacto coa empresa e as empregadas de axuda no fogar para coñecer de primeira man as necesidades que ocasione esta crise e conseguir así un mellor servizo.
  2. Adoptar medidas de protección para as persoas en risco de exclusión social ou persoas vulnerábeis. É preciso adoptar medidas para as persoas usuarias dos Servizos Sociais e vixiar que non lles faltan nin alimentos nin os produtos sanitarios e farmacéuticos que precisan.
  3.  Adoptar medidas para asegurar que as nenas e nenos que comían e ían a madrugadores, e que teñan problemas de vulnerabilidade, están atendidos polo Concello. Do mesmo xeito que non se suspendeu o comedor a domicilio para persoas maiores non debe deixarse de facer un servizo de axuda para estas familias con menores que poidan ter problemas de tipo social ou económico.
  4. Activar un servizo de axuda a persoas que poidan ter problemas para mercar alimentos e medicamentos. Este servizo ten que estar coordinado e contar coas medidas de seguridade axeitada para protexelas de calquera risco para a saúde. É evidente que hai persoas que non se poden desprazar a mercar e que viven soas, polo que é vital que o Concello adopte medidas para garantir o seu abastecemento nestes momentos de confinamento.
  5. Adoptar medidas para que empresas que están traballando para o Concello de Arteixo (asfaltados, mantemento) traballen só en casos de urxencia (e apliquen medidas de seguridade), algo que non se fixo até o momento.
  6. Esixir á residencia de maiores, na que o Concello ten unha importante achega económica, as máximas medidas de protección tanto para persoas traballadoras como usuarias.

Sumado a estas propostas, desde o BNG de Arteixo solicitamos, en tanto a situación de emerxencia e estado de alarma o permita, que se estude a contratación de persoal para ponerse ao dispor dos Servizos Sociais do municipio. Unha medida que axude a combater as consecuencias da crise sanitaria e minimizar a crise económica da sociedade arteixá.

Desde o BNG cremos fundamental minimizar a perda de calidade de vida das persoas que viven no noso Concello e das persoas máis vulnerábeis e indefensas.

Propostas do BNG para a xestión da crise do coronavirus en Arteixo