O BNG votou en contra da modificación da Relación de Postos de Traballo do Concello de Arteixo

rtp
O BNG votou en contra da modificación da RPT.
Cremos que é urxente a realización da valoración dos postos de traballo do persoal do Concello.
O BNG votou en contra da modificación da Relación de Postos de Traballo do Concello de Arteixo

O BNG de Arteixo votou en contra da modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) no pleno municipal celebrado o pasado xoves 30 de xaneiro. Esta cuestión debateuse no pleno como unha cuestión da orde do día independente dos orzamentos para o ano 2020.

O posicionamento en contra da modificación da Relación de Postos de Traballo no Concello de Arteixo débese á non aceptación das palabras do alcalde Carlos Calvelo, cando di que “a RTP require dunha transformación integral que posibilite unha reorganización dos efectivos de persoal existente e da dotación de recursos necesarios para o axeitado funcionamento dos servizos municipais”. Tendo en conta estas palabras, puidera parecer que Calvelo non leva gobernando 8 anos. Desde o BNG, ademais, facemos fincapé nos informes da técnica de persoal que, ano tras ano, inciden na urxente realización da valoración dos postos de traballo do persoal do Concello.

Ademais, desde o BNG de Arteixo non entendemos como se amortizan prazas de persoal propio do Concello. Se ata este momento foi necesario contar con esas prazas, todo parece indicar que a dita amortización reponde a unha rebaixa no número de persoal público, coa súa conseguinte privatización e externalización.

Necesidade de acordo co persoal

Por outra parte, desde o BNG seguimos agardando a que a negociación co persoal dea os seus froitos. É unha necesidade tanto para traballadores e traballadoras públicos como para a veciñanza desatendida pola administración local.  

Observamos que as negociacións non avanzan. Nunha mesa de negociación celebrada xa o pasado mes de abril, o alcalde asinou cos sindicatos unha Valoración dos Postos de Traballo. Curiosamente, non a aceptou despois das eleccións municipais. Desde o BNG vemos difícil fiarnos de calquera pacto ou palabra deste goberno.

Praza de normalización lingüística

O goberno do PP pretende amortizar, entre outras, a praza de Normalización Lingüística. Esta decisión responde a unha falta de interese pola nosa lingua así como a historia e o patrimonio de Arteixo. Desde este departamento fixéronse traballos interesantes como o da microtoponimia. Precisamente esta semana, durante a comisión que valoraba a proposta de nomes das rúas do polígono de Morás, o alcalde propuxo levar nomes das rúas que pertencen ao mencionado estudo elaborado desde Normalización Lingüística.

O BNG de Arteixo logrou o compromiso do goberno municipal para volver a incorporar a praza de normalización lingüística na RPT que está a negociar co persoal do Concello. Agardamos que así sexa.

O BNG votou en contra da modificación da Relación de Postos de Traballo do Concello de Arteixo