O BNG de Arteixo pide comprobar a legalidade do ERTE no Servizo de Axuda no Fogar

A empresa adxudicataria do SAF en Arteixo solicitou un ERTE.
A empresa adxudicataria do SAF en Arteixo solicitou un ERTE.
o BNG cremos inadmisible que se poida facer un ERTE sen coñecemento nin autorización do Concello.
O BNG de Arteixo pide comprobar a legalidade do ERTE no Servizo de Axuda no Fogar

Onte, 8 de maio, tivo lugar unha nova reunión do Comité de seguimento da COVID-19 en Arteixo. O BNG pediu máis información sobre o ERTE da empresa que xestiona o Servizo de Axuda no Fogar. O ERTE foi presentado a semana pasada e rematará o 9 de maio, mais ten efectos retroactivos. Desde o BNG cremos inadmisible que se poida facer un ERTE sen coñecemento nin autorización do Concello de Arteixo, tendo en conta que o servizo, de primeira necesidade, vén dun contrato para a prestación dunha competencia municipal e non se viu obrigado ao peche.

O BNG entende que os servizos públicos deben ser prestados directamente polo Concello, tanto pola calidade do servizo e control do mesmo como polas condicións laborais. Na xuntanza esiximos que desde o Concello se vixíe con detalle o comportamento da empresa nesta crise. Por exemplo, comprobando se hai traballadores incluídos no ERTE pero que estiveron traballando ou se os pagos efectuados á empresa non foron repercutidos nos traballadores. Ademais, dada a gravidade do asunto, o BNG pide que se estude a posibilidade de adoptar algunha medida sancionadora.

Outros temas de interese tratados foron os seguintes:

  • Debatéronse as bases para a liña 2 de axudas a persoas autónomas (actividades que continuaron abertas pero cunha baixada da recadación superior ao 50%). Levaranse a pleno extraordinario o xoves 14 de maio para a súa aprobación. Con respecto á liña 1 para autónomos obrigados a pechar, xa foron presentadas unhas 300 solicitudes.
  • Debateuse sobre a liberación de franxas horarias para as saídas en núcleos menores de 5.000 habitantes, unha petición realizada polo BNG no Congreso e aceptada polo Goberno do Estado. Así, esta aplicarase a todas as parroquias do municipio agás Arteixo, Oseiro e A Pastoriza. Ademais, acordouse aplicar as restricións horarias naqueles lugares pertencentes a parroquias de menos de 5.000 habitantes pero cunha separación mínima cos cascos urbanos.
  • Este sábado non se celebrará a feira agroalimentaria, deixándose para o día 16 de maio no campo da festa (provisional) dado o caos de medidas contraditorias da Xunta e do Goberno do Estado.
  • No referente ás axudas para a cesión de equipamento informático e de conexión wifi aos escolares, desde o BNG estamos a favor pero criticamos a deixadez da Xunta de Galicia cunha competencia exclusiva súa. Así, o concello ten que facerse cargo dunha competencia impropia, empregando recursos económicos doutros servizos prestados.

Desde o BNG, esiximos unha coordinación entre administracións para que as axudas non se solapen nestes momentos tan delicados debido á crise da COVID-19.

O BNG de Arteixo pide comprobar a legalidade do ERTE no Servizo de Axuda no Fogar