O BNG de Arteixo levará ao pleno de xaneiro cuestións de sanidade, educación e recollida de lixo

RECURSO-plenoxaneiro
Pleno municipal de xaneiro de 2020

Preguntaremos sobre o Bacharelato no IES de Pastoriza e solicitará un acordo a prol da atención primaria.

O BNG de Arteixo levará ao pleno de xaneiro cuestións de sanidade, educación e recollida de lixo

O grupo municipal do BNG en Arteixo presentou para o seu debate no pleno deste xoves 30 de xaneiro dúas preguntas, dous rogos e dúas mocións.

Para o BNG é fundamental reorganizar o sistema educativo en Arteixo, comezando por ofrecer o Bacharelato no IES de Pastoriza, co obxectivo de desmasificar os institutos do concello. Deste xeito, preguntará no pleno sobre o estado das negociacións coa Xunta de Galicia que o propio goberno local anunciou sobre este tema.

O BNG levará a pleno aspectos relacionados coa xestión do lixo no municipio. Así, preguntará como está funcionando a experiencia dos composteiros, se vai estenderse o programa a máis domicilios e se o grupo de goberno seguirá en Sogama ou se formula volver a Nostián.

Así mesmo, desde o BNG detectou que o contrato de recollida de residuos de aceites con Mulleres Colleiteiras está caducado desde setembro de 2019. Por este motivo, roga ao goberno de Arteixo que explique a situación actual e se está reciclando a día de hoxe estes aceites contaminantes.

Ademais, o grupo municipal do BNG en Arteixo solicitará que se realice un estudo para determinar se existen lugares no concello sen cobertura de voz de telefonía móbil. Esta situación supón unha discriminación social e tamén un risco para a seguridade da cidadanía, pois imposibilitaría o acceso a servizos de emerxencia a través do 112. O estudo debe realizarse en prazo axeitado para, de ser o caso, poder acollerse ao convenio marco que o pasado 20 de decembro de 2019 asinaron a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Fegamp para a posta en marcha de actuacións encamiñadas a mellorar a cobertura de comunicacións móbiles no rural de Galicia, cofinanciadas parcialmente co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galiza 2014-2020.

Mocións sobre sanidade e a área metropolitana

Nun contexto de recortes sanitarios en Galiza e sendo Arteixo un claro exemplo das carencias de atención primaria, presenta unha moción sobre a sanidade. Con esta moción, o BNG solicita do pleno da corporación a adopción dun acordo que inclúe, entre outros puntos, apoiar a manifestación convocada por SOS Sanidade Pública o vindeiro 9 de febreiro en Compostela, esixir o cese da política de desmantelamento e peche de servizos na nosa área e demandar solución aos graves problemas de atención primaria en Arteixo cun persoal reducido ao mínimo. Así, contamos só cun fisioterapeuta e unha odontóloga para todo o concello, un pediatra compartido para Vilarrodís e Meicende e un servizo de urxencias que deixa moito que desexar.

Finalmente, o grupo nacionalista presenta unha moción en relación á creación da área metropolitana. O BNG solicita adoptar un acordo para avogar pola colaboración supramunicipal como forma de fortalecer a calidade dos servizos públicos, declarar como prioritaria a optimización dos servizos públicos e instar ao avance inmediato na creación da Área Metropolitana da Coruña, por ser esta a fórmula administrativa que mellor pode satisfacer as necesidades da comarca.

O BNG de Arteixo levará ao pleno de xaneiro cuestións de sanidade, educación e recollida de lixo