O BNG lamenta que os orzamentos de Arteixo para 2021 non inclúan partidas para paliar a crise

O BNG lamenta que os orzamentos de 2021 sexan continuístas e que non inclúan partidas para paliar a crise que estamos a vivir.
O BNG lamenta que os orzamentos de 2021 sexan continuístas e que non inclúan partidas para paliar a crise que estamos a vivir.
O BNG bota en falta un plano de emerxencia que mire polos aspectos sociais, medioambientais e de promoción económica
O BNG lamenta que os orzamentos de Arteixo para 2021 non inclúan partidas para paliar a crise

Hoxe, 21 de xaneiro de 2021, tivo lugar o pleno para aprobar os orzamentos de Arteixo para 2021. O BNG lamenta que os orzamentos sexan continuístas e que non inclúan partidas para paliar a crise que estamos a vivir.

“O documento presentado déixanos un sabor amargo e unha sensación de decepción porque son uns orzamentos continuistas que non ofrecen nada a maiores ante a situación de emerxencia que estamos a vivir. Non son uns orzamentos para paliar e combater a pandemia ante un ano de alarmas sociais, en canto ao emprego ou sanidade”, apunta Xurxo Couto, voceiro do BNG en Arteixo.

O BNG de Arteixo bota en falta un plano de emerxencia que mire polos aspectos sociais, medioambientais, de emprego e dinamización económica.

No eido social, só aumenta a partida para o programa de Axuda no Fogar, onde as axudas da Xunta afogan aos concellos. Con todo, non se modifican as partidas de asistencia xurídica, nin programas de discapacidade nin igualdade, nun ano de gran dinamismo social.

En canto a políticas medioambientais, nin hai nin se esperan, nunha partida que apenas se move orzamentariamente.

No que respecta ao emprego, son as partidas son mesmas ca en 2020. O BNG demandou que, nestes tempos de pandemia, o Concello debía poñer en marcha iniciativas e proxectos que puxeran en marcha un equipo de profesionais que reforzasen aos traballadores municipais cunha oficina municipal de emprego, creando un viveiro de empresas e tecendo unha rede de empresas comprometidas coa inserción laboral. O BNG pediu, ademais, unha maior implicación coas entidades de dinamización comercial local para crear políticas que axuden a saír desta crise. En cambio, os orzamentos non axudan a saír desta crise.

En canto a cultura, o goberno do PP comprometeuse co BNG para que as entidades culturais puidesen xustificar as súas actividades de 2020 e 2021 nas solicitudes deste ano. En cambio, a sorpresa é que prácticamente é a mesma cantidade, polo que a falta de compromiso do goberno local queda patente.

O BNG critica que, nuns orzamentos pouco sociais, o que si aumenta é o apartado de propaganda e publicidade. Se este xa aumentara o ano pasado nun 46%, este 2021 volve incrementarse nun 36%. “Para o que lle interesa ao goberno do PP si hai cartos pero para investir en emprego, cultura e turismo vese que non”, comenta Couto.

Finalmente, obsérvase nos orzamentos unha falta de planificación e unha desidia para a creación dun Plan Xeral, ao que dotan de 106.451,75 euros (igual cantidade que no orzamento de 2020). O ano pasado só se gastaron algo máis de 3.000 euros, o que indica que non lles interesa sacar adiante o PXOM. O mesmo sucede co anexo e investimentos, onde aparecen obras moi necesarias pero que o goberno só acaba executando o 30%, como sucedeu en 2019, ano no que ningunha pandemia impedía realizar obras.

O BNG tamén critica que os orzamentos non se aprobaran en novembro en tempo e forma, para comezar a executar en xaneiro. “Os orzamentos deste 2021 copian en grande medida aos de 2020, sen ninguna medida para paliar a crise que sufrimos. Para este orzamento non é preciso que estean a cobrar do erario público municipal de 7 asesores e 10 concelleiros, en total 17 persoas do PP que non fan o seu traballo como deben”, apunta o voceiro do BNG en Arteixo.

O BNG lamenta que os orzamentos de Arteixo para 2021 non inclúan partidas para paliar a crise