O BNG abstívose na votación dos orzamentos de Arteixo para 2020

recursos bng
Orzamentos Arteixo 2020
Trátase dun orzamento continuísta, sen un proxecto de vila para mellorar Arteixo.
O BNG abstívose na votación dos orzamentos de Arteixo para 2020

O BNG de Arteixo abstívose na votación dos orzamentos do Concello de Arteixo para 2020, cuxo pleno se celebrou o pasado xoves 30 de xaneiro. A decisión da abstención débese á existencia de investimentos que deben executarse. Non obstante, desde o BNG denunciamos os despropósitos que se veñen repetindo nos orzamentos, como é o capítulo de persoal.

En canto ás bases de execución, tema de produtividade, esta está mal entendida. No Concello de Arteixo non pode haber partidas de produtividade de 40.000 euros e 500 euros dependendo do departamento. Por outro lado, cando existen departamentos que realizan horas extras con semellantes contías, en máis dunha ocasión Intervención pon reparos, pois comenta que se pode ampliar o cadro de persoal para non realizar tantas horas extras.

Relacionado co capítulo de persoal, o cadro está mal organizado, con múltiples carencias pola falta de persoal nos diversos departamentos, algo que desde o BNG vimos advertindo hai anos e que confirman os propios informes técnicos. Entendemos que hai un persoal claramente insuficiente e unha desorganización intencionada por parte do goberno local, que parece vivir mellor contratando externamente, con multitude de contratos menores. O Concello continúa sen ter en conta a valoración de postos de traballo, esencial e prioritaria se queremos ter unha administración moderna e eficaz. Non menos importante é o malestar e as situacións de desterro que sofren persoas funcionarias desta administración local, traballando coa prioridade de facer o seu traballo polo conxunto da cidadanía de Arteixo e non queren servir os intereses particulares do goberno.

Partidas do orzamento para 2020

Desde o BNG entendemos que o orzamento é totalmente continuísta, sen un proxecto de vila para mellorar Arteixo. A partida de promoción cultural é o 0,5% do total, os servizos sociais o 9,8% e o de promoción turística o 0,17%. Así mesmo, a promoción do emprego rebáixase neste 2020 en case 200.000 euros con respecto ao 2019.

É curioso o desfase no tema da xestión do lixo. Neste 2020 Arteixo terá un gasto de recollida, xestión e tratamento de residuos de 2.644.118 euros e uns ingresos de 2.070.000 euros. É dicir, haberá un desfase de 600.000 euros. O alcalde de Arteixo asegurou que é momentáneo, pero a débeda aí está. Desde o BNG preguntámonos como foi capaz de baixar o recibo do lixo e de onde sairán os cartos para compensar as perdas. O mesmo ocorre no servizo de abastecemento de auga e saneamento, onde o gasto será de 3.424.126 euros e os ingresos un total de 2.575.000 euros. Así, observamos un desfase de case un millón de euros.

Para este 2020, Arteixo terá un desfase orzamentario de 1.600.000 euros, dando conta da mala xestión pública do goberno do PP. Tendo en conta, ademais, as múltiples carencias na calidade da auga e queixas constantes  pola recollida do lixo. Os recibos chegan por duplicado ou seguidos os de varias mensualidades.

En canto ao nivel de execución do orzamento, todos os anos o goberno incorpora obras e investimentos que despois non realiza e eses cartos pasan aos remanentes. Isto ocorre coa partida de 150.000 euros para o PXOM, que leva 12 anos nos orzamentos e aínda non se licitou. Desde o BNG preguntámonos cantas obras das reflectidas no orzamento para 2020 se van facer. O ano pasado xa aparecía un investimento plurianual para urbanizar a UA-27 e non se fixo nada, o mesmo co muro da rúa Maizales, a mellora na travesía de Pastoriza e na accesibilidade da escola de Pastoriza  ou as obras nas Eiras de Meicende.

Finalmente, en canto ao capítulo de investimentos, desde o BNG lamentamos que unha vez máis non sexan capaces de recoller ningunha proposta feita polo noso grupo municipal en todos estes anos, traídas a pleno reiteradamente, solicitadas por veciñas e veciños en multitude de ocasións e algunha incluso con compromiso pola súa parte. É o caso do Centro social da Cachada, senda peonil en Figueiroa, melloras para evitar que chova na escola de Pastoriza, camiños seguros para nenas e nenos á escola, parque en condicións e melloras na zona de Santaia, programas específicos para a mocidade ou un compromiso por un Arteixo accesible para persoas con diversidade funcional.

O BNG abstívose na votación dos orzamentos de Arteixo para 2020