Aprobadas as mocións do BNG sobre a incautación de remantente e a asunción de competencias impropias dos Concellos

RECURSO-PLENOXULLO
RECURSO-PLENOXULLO
Aprobadas as mocións do BNG sobre a incautación de remantente e a asunción de competencias impropias dos Concellos

O BNG de Arteixo sacou adiante as dúas mocións no pleno ordinario de xullo. Unha sobre a utilización dos fondos municipais por parte do goberno do Estado e outra sobre a asunción de competencias impropias por parte dos Concellos sen contrapartida orzamentaria.

O BNG presentou en pleno a moción sobre a incautación de remanente dos Concellos, que quedou aprobada coa abstención do PSOE. Trala intención da FEMP de aprobar un acordo que, segundo os nacionalistas, agocha o facilitar ao Estado unha operación de liquidez a costa dos remanentes municipais, o BNG manifesta o rexeitamento desta e doutra tentativa de incautación ou bloqueo dos fondos municipais por parte do Estado ou doutras Administracións, xa que as necesidades estatais non poden anular as necesidades locais. Na moción presentada, o BNG insta á Xunta de Galicia a solicitar do goberno español a derrogación da Lei de 2/2012 de estabilidade orzamentaria para permitir ás entidades locais atender as competencias propias con cargo aos remanentes ou superávit. Ademais, solicitamos que a interlocución sexa a través da FEGAMP, entidade que representa a totalidade dos concellos galegos.

A segunda moción aprobada sobre a asunción de competencias impropias sen contrapartida orzamentaria. Os concellos asumen competencias propias doutras administracións, como a Xunta de Galicia. De seguro que os municipios aceptan de bo grao as competenias pero deben vir acompañadas de transferencias orzamentarias por parte da administración que non presta o servizo ao que está obrigada. É longa a lista destas competencias impropias: dependencia e Servizo de Axuda no Fogar, unidades de atención á drogodependencia, desinfeccións en centros escolares a causa da COVID-19, etc. Na moción, o BNG insta ao goberno do Estado a que, nos seguintes tramos do fondo COVID-19 a repartir, teña en conta os criterios de dispersión e avellentamento para a súa distribución por comunidades autónomas. Así mesmo, que faga partícipe aos concellos do reparto das axudas europeas. Tamén insta á Xunta de Galicia a que, ademais de fixar protocolos de contención da COVID-19 de cumprimento para os concellos, transfira as cantidades correspondentes aos mesmos e/ou asuma os que lle son propios en materia sanitaria.

Aprobadas as mocións do BNG sobre a incautación de remantente e a asunción de competencias impropias dos Concellos