Aprobadas as bases das axudas a autónomos e de comedor escolar

Aprobadas as bases das axudas a autónomos e comedor escolar en Arteixo.
Aprobadas as bases das axudas a autónomos e comedor escolar en Arteixo.

As axudas do comedor é unha iniciativa do BNG, que seguirá achegando propostas para paliar a crise da COVID-19 en Arteixo.

Aprobadas as bases das axudas a autónomos e de comedor escolar

O BNG participou onte xoves 23 de abril no pleno municipal telemático para tratar diferentes temas relacionados coa xestión da crise da COVID-19 en Arteixo. O BNG votou a favor das axudas para persoas autónomas e de comedor escolar, sendo estas últimas unha idea que fora trasladada ao goberno local polo grupo nacionalista.

En primeiro lugar, aprobáronse en pleno as bases das axudas para persoas autónomas. Aquelas persoas autónomas que se visen afectadas polo peche de locais e establecementos desde o 14 de marzo de 2020 recibirán unha contía fixa de 1.800 euros. A contía incrementarase en 600 euros por autónomo a maiores empregado e cun máximo de 3.000 euros por establecemento. A solicitude realizarase de xeito telemático ou por correo electrónico e, a medida que entreguen a documentación, as persoas solicitantes irán percibindo a axuda. O prazo para entregar a documentación comeza ao día seguinte trala publicación das axudas no BOP (prevista para o martes 28 de abril).

Desde o BNG de Arteixo trasladamos no seu momento ao goberno local a idea e a necesidade de outorgar axudas ao alumnado que acudía ao comedor escolar (un total de 285 nenos e nenas). Así, grazas a esta proposta, o servizo de comedor retomarase en forma de axudas directas que serán ingresadas ás familias beneficiarias.

O BNG de Arteixo pide a coordinación e organización entre administracións ante a falta de responsabilidade e compromiso da Xunta de Galicia, que suspendeu o servizo de comedor provocando que moitos escolares de Arteixo non tiveran ese servizo nin alternativa algunha.

Co fin de ter máis recursos económicos para paliar os efectos da crise da COVID-19 entre os habitantes de Arteixo, o BNG de Arteixo levará ao próximo pleno ordinario unha moción para que o goberno do Estado derrogue a “Lei Montoro”. Só así, o Concello de Arteixo podería dispoñer dos seus aforros para tal fin.

O BNG tamén manifestou no pleno que seguirá achegando iniciativas para mellorar a vida da veciñanza de Arteixo e agradeceu ao persoal do Concello a súa disposición e bo facer nestas semanas, facendo posible que se aprobaran as bases destas axudas.

Desde o grupo municipal do BNG en Arteixo queremos darlles o pésame a todas as persoas que sufriron esta pandemia e transmitirlles o noso ánimo e valor a aquelas que a están a sufrir.

 

Aprobadas as bases das axudas a autónomos e de comedor escolar