O BNG solicita reforzar os efectivos de seguridade en Arteixo

Reunión de seguimento COVID-19
Reunión de seguimento COVID-19
Tamén se vixiará o posible ERTE na empresa que xestiona o Servizo de Axuda no Fogar.
O BNG solicita reforzar os efectivos de seguridade en Arteixo

Onte, luns 4 de maio, tivo lugar unha nova reunión do Comité de Seguimento da COVID-19 en Arteixo. Nesta xuntanza participou o xefe da Policía Local, quen explicou que a pasada fin de semana, coincidindo coa saída para paseos e facer deporte, se tramitaron 14 denuncias. En cambio, o propio responsable afirma que poderían ter sido sobre 60 denuncias, posto que se actuou pedagoxicamente e deixando como último recurso a denuncia.

O BNG preguntou sobre a posibilidade de reforzar os efectivos da Policía Local, dadas as aglomeracións de xente detectadas a pasada fin de semana. Na reunión infórmase de que durante a semana hai 6 efectivos pola mañá e outros 6 pola tarde, mentres que pola fin de semana son 3 durante todo o día (un atendendo chamadas, cando pola semana se encarga persoal municipal) e 2 compoñentes máis pola noite. O xefe da Policía Local explicou que é complicado reforzar os efectivos, pois ten distribuída a xente en grupos pechados de dous para evitar contaxios e non considera conveniente mesturar efectivos.

Ante a posibilidade dun ERTE por parte da empresa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o BNG interesouse por coñecer a situación real. A concelleira respondeu que, efectivamente, a empresa lles comunicou que valoran un ERTE pero que non dispoñen de máis información. O BNG considera inadmisible este ERTE nunha empresa que presta un servizo social, que acaba de prorrogar o convenio e cuxo traballo e recursos non se viron reducidos por esta crise.

Apertura do Concello

O Concello de Arteixo estase preparando para volver abrir. Instalarase unha carpa na entrada do edificio para, coa reapertura, se eviten aglomeracións. A visita ao Concello será sempre con cita previa e habilitaranse tres canles (Rexistro, Urbanismo e Servizos Económicos). Colocaranse cadeiras para agardar e liñas de circulación de entrada e saída. Así, tratarase de evitar que haxa moita xente no interior do edificio.

Comisións sectoriais

O BNG reiterou a necesidade de facer comisión sectoriais (comercio local, hostalaría, deportes, obras, turismo, cultura). O alcalde, Carlos Calvelo, considera que o máis urxente é a de hostalaría. O BNG pediu estar presente nesa comisión e o alcalde dixo que no primeiro contacto lle parecía que non debía ser moi numerosa, deixando para máis adiante a entrada do resto de grupos da corporación.

O alcalde tamén consultou na reunión de onte a opinión de todos os grupos a respecto da ampliación da zona de terraza de cafetarías. O BNG considera que cómpre estudar cada caso e a súa incidencia noutros aspectos como a circulación de persoas dun xeito seguro. O BNG está a favor da dita ampliación sempre que sexa posible.

Finalmente, con respecto do mercado agoalimentario, previsiblemente volverá a celebrarse este sábado. Aínda se está valorando unha nova localización pero o BNG está de acordo co seu traslado temporal ao campo da festa. O obxectivo é facer percorridos seguros, manter as distancias e non obstaculizar a circulación de persoas na zona do balneario.

O BNG solicita reforzar os efectivos de seguridade en Arteixo