O BNG de Arteixo solicita ao Concello os informes sobre o incendio activo en Figueiroa

incendio-figueiroa2
O incendio nas inmediacións de Figueiroa e O Rañal leva activo desde finais de outubro.

O incendio na área dunha planta de compostaxe nas inmediacións de Figueiroa e O Rañal leva activo desde finais do mes de outubro.

O BNG de Arteixo solicita ao Concello os informes sobre o incendio activo en Figueiroa

O BNG de Arteixo solicitou onte, 16 de decembro, no Concello de Arteixo os informes que consten sobre o incendio permanente na área da empresa Inversiones Castro Veira situada na parroquia de Figueiroa en Arteixo.

O incendio produciuse o pasado 31 de outubro e, tras mes e medio, continúa ardendo na área. O lume debeuse á propia combustión dos restos de podas e masa forestal e os bombeiros indicaban que podería estar activo máis do esperado pero que a extinción se podería acelerar coas chuvias. Tras un novembro no que non cesou de chover, o incendio continúa activo ata día de hoxe.

Desde o BNG de Arteixo interesámonos por esta cuestión en reiteradas ocasións e, ante unha situación á que o goberno do PP parece non demandar solución, solicitamos todos os informes que consten no Concello de Arteixo sobre este tema, tanto municipais como do servizo de bombeiros. Ademais, denunciamos a situación no Seprona, onde tamén pedimos informes que alí consten sobre este incendio.

Moitos veciños e veciñas vense afectados polos malos olores que desprende a continua combustión. Desde o BNG estamos preocupados pola calidade de vida e saúde da veciñanza así como pola calidade do aire de Arteixo, que parecen non importarlle ao goberno de Calvelo. Así, queremos ser informados sobre esta situación e que se tomen medidas ao respecto.  

O BNG de Arteixo solicita ao Concello os informes sobre o incendio activo en Figueiroa