Aprobada a moción do BNG para delimitar as competencias municipais derivadas da COVID-19 e o seu financiamento

Pleno xuño 2020 en Arteixo
Pleno xuño 2020 en Arteixo
Non se aprobou a moción do BNG para a municipalización do Servizo de Axuda no Fogar debido ao voto en contra do PP.
Aprobada a moción do BNG para delimitar as competencias municipais derivadas da COVID-19 e o seu financiamento

Hoxe, xoves 25 de xuño, tivo lugar o pleno ordinario de xuño de Arteixo. O BNG presentou dúas mocións. Dunha parte, unha moción relativa á delimitación das competencias municipais e o seu financiamento derivadas da crise da COVID-19. Nela, o BNG solicita que, no marco do reparto de 16 millóns de euros que vai facer o Estado entre as comunidades autónomas, a Xunta derive as contías correspondentes aos concellos para que estes atendan as actuacións que o goberno galego está derivando, sendo da súa competencia. Quedou aprobada cos votos a favor do PP, ao incluír na moción o nomeamento ao Estado, ademais da Xunta.

Doutra parte, o BNG presentou unha moción para a municipalización do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), entendendo que é un servizo social esencial para garantir a súa calidade. A situación do ERTE derivada da crise da COVID-19 puxo aínda máis en evidencia esta necesidade. A moción contou co apoio do PSOE pero non se aprobou ao votar en contra o PP.

Outras mocións aprobadas no pleno

O PSOE presentou unha moción en relación á creación dun plan para reducir a fenda dixital e de aprendizaxe. Sobre ela, o BNG propuxo varias emendas como incluír no texto ao Estado, tendo este competencias nos aspectos relatados, e incluír un punto para que o Concello de Arteixo estableza un sistema de apoio e axuda ás persoas que carecen de formación e medios dixitais para realizar os trámites e a comunicación telemática. As emendas foran aceptadas e a moción aprobada co voto a favor do BNG.

O BNG tamén votou a favor da moción socialista referente ás medidas a tomar desde o Concello de Arteixo para a volta ás aulas nos centros educativos. Non obstante, desde o BNG consideramos que o primeiro que se debería facer é un estudo das necesidades educativas do Concello, sobre todo cando está a aumentar a súa poboación. Despois, en función do resultado do estudo, planificar os novos centros educativos.

O PP presentou unha moción para instar ao Goberno de España a proporcionar información sobre o ingreso mínimo vital. O BNG está conforme coa moción pero considera inasumible a xestión por parte dos servizos sociais dos concellos, debido ao traballo actual e a que non se pode contratar máis persoal polas limitacións da Lei Montoro. O PP aceptou a modificación proposta polo BNG para que “Galicia xestione directamente esta prestación”, polo que votamos a favor.

Pola contra, non se apoiou a moción do PP en apoio da competitividade e futuro dos empregos de Alcoa, posto que non se aceptaron as emendas de demandar unha tarifa eléctrica galega nin a nacionalización da planta. Non obstante, a moción quedou aprobada.

Aprobada a moción do BNG para delimitar as competencias municipais derivadas da COVID-19 e o seu financiamento