O BNG preguntará no Parlamento se a Xunta dispón de máis información sobre o novo trazado de alta tensión

Novo trazado alternativo liña alta tensión en Arteixo proposto pola empresa.
Novo trazado alternativo liña alta tensión en Arteixo proposto pola empresa.

O BNG non entende como o Concello dixo que o novo trazado respondía á moción institucional sen ter máis información.

O BNG preguntará no Parlamento se a Xunta dispón de máis información sobre o novo trazado de alta tensión

O BNG, a instancias do BNG de Arteixo, preguntará no Parlamento Galego se a Xunta de Galiza ten máis información sobre o novo trazado de alta tensión en Arteixo e solicitará, de ser o caso, un borrador do novo proxecto para informar á veciñanza.

“De momento só temos un trazado que estamos a estudar pero que non achega información suficiente”, afirma o concelleiro Xurxo Couto. Segundo o plano, o trazado entra desde A Laracha polo sur de Mirón e A Perillona en aéreo, con torretas, entrando soterrada xa no Monte Acibeira pola rúa dos Carballos (manténdose soterrada ao longo de toda esa rúa), volvendo a ir en aéreo unha vez pasada a zona de casas.

O trazado atravesa a AC-552 e diríxese ao monte sen cruzar a AG-55 e rematar en aéreo para ser soterradas ao chegar ao lugar das Barreiras en Loureda, entroncando coa DP 0511, sen cruzar a AG 55 pero moi preto dela. As liñas soterradas seguen a estrada DP 0511 ata a DP 0508 e seguirán soterradas  por esta mesma estrada ata xa practicamente o propio polígono de Morás, cruzando o val de Loureda. “Poderían levar 800 metros de soterramento no Monte Acibeira e 1,2 km no Val de Loureda, mais hai que ter a precaución debida pois cómpre falar sempre de datos tomados dun plano moi xeral e sen detalle algún”, explica Couto.

O BNG considera que fai falta coñecer máis detalles, polo que decide elevar a pregunta á Xunta, xa que no propio Concello de Arteixo non lles consta ningunha información  máis. “Por iso tamén nos sorprende que o Concello manifeste que este trazado resposta á moción que aprobamos todos os grupos políticos da corporación”, afirma Couto. “A moción respondía a un trazado anterior que aínda segue a estar vivo e segue o seu curso na Xunta de Galiza. A moción cos seus puntos de acordo segue a estar intacta”, conclúe.

O BNG de Arteixo insiste que deste trazado sabemos moi pouco mentres que do anterior sabiamos practicamente todo (número de parcelas, número de afectados, formato das torretas de alta tensión, traxecto ao detalle,…).

Non obstante, o BNG quere agradecer a iniciativa da empresa Acciona por traballar nun novo trazado, pero tamén pide que se anule o anterior e que se busquen xa opcións menos lesivas para o medio ambiente e as persoas.

O BNG preguntará no Parlamento se a Xunta dispón de máis información sobre o novo trazado de alta tensión