O BNG de Arteixo anima á veciñanza a presentar alegacións contra o proxecto de alta tensión

O BNG celebrou unha concentración para informar sobre o proxecto de alta tensión que afecta a Arteixo.
O BNG celebrou unha concentración para informar sobre o proxecto de alta tensión que afecta a Arteixo.
O prazo remata o vindeiro venres 26 de marzo.
O BNG de Arteixo anima á veciñanza a presentar alegacións contra o proxecto de alta tensión

BNG de Arteixo convocou unha rolda informativa sobre o proxecto de alta tensión previsto na zona sur de Arteixo e que conectaría Monteagudo co Polígono de Morás. O obxectivo era seguir visibilizando o problema para conseguir paralizar entre todos este trazado que vai contra o medio ambiente.

O BNG animou á veciñanza a que presente alegacións en contra do proxecto antes de que remate o prazo o vindeiro venres 26 de marzo. “Facer este traxecto de alta tensión é un crime contra o medio ambiente e unha falta de respecto para as veciñas e veciños de Arteixo”, dixo Xurxo Couto, voceiro do BNG en Arteixo. Segundo o BNG, non se valoraron o suficiente outros trazados alternativos.

“É un trazado con invasión social e medioambiental, atravesando zonas da biosfera, humidais como Barrañán ou Sisalde”, afirmou a deputada Mercedes Queixas. O BNG preguntou no Parlamento Galego sobre o tema e insistiu na necesidade de rexeitar o proxecto. “Alegamos inseguridade e indefensión da veciñanza afectada”, di Queixas sobre o proceso de publicación e información do proxecto. Mercedes Queixas destacou a importancia da mobilización social e a presentación das máximas alegacións posibles.

O BNG de Arteixo denuncia que o Concello, ao contrario do que se comprometeu no pleno, non está facendo as labores de asesoramento á veciñanza afectada polo proxecto. O BNG solicita que se amplíe o horario e o persoal de rexistro no Concello ata que remate o prazo de alegacións o día 26 de marzo.

O BNG volverá a insistir na xunta de portavoces do próximo luns na necesidade de que o proxecto non saia adiante así como pedirá que se asesore á xente e se poña persoal a maiores no rexistro para que haxa citas, pois nestes momentos xa non hai oco para presentar alegacións presencialmente. Tamén preguntará polas alternativas ao proxecto pois, a estas alturas, o BNG segue sen saber nada sobre a posibilidade de que se negociara coa empresa Acciona outra posibilidade para o trazado.

Finalmente, desde o BNG de Arteixo tamén se destaca a falta dun Plan Xeral de Ordenación Urbana en Arteixo que tivera un corredor de infraestruturas que evitase que este tipo de proxectos pasen por onde as empresas privadas queren.

O BNG de Arteixo anima á veciñanza a presentar alegacións contra o proxecto de alta tensión