O BNG denuncia o abandono do parque forestal de Monticaño

A vexetación invade unha das instalacións, que están pechadas e abandonadas.
A vexetación invade unha das instalacións, que están pechadas e abandonadas.
O investimento feito no parque supera os 2 millóns de euros.
O BNG denuncia o abandono do parque forestal de Monticaño

O BNG de Arteixo denuncia o estado de abandono do parque forestal de Monticaño, na parroquia de Pastoriza. Varios edificios do parque están abandonados, unha casa está invadida pola vexetación, os tellados con tellas rotas, cables ao aire, baños públicos sucios…

Os edificios están pechados e abandonados. O BNG lamenta o estado no que o goberno do PP ten o parque, onde tampouco se organiza ningunha actividade para dinamizar este espazo privilexiado de Arteixo, moi concorrido nas fins de semana. Desde o ano 2013 son constantes as queixas polo estado do parque de colectivos culturais e veciñais de Pastoriza sen que, a día de hoxe, ningunha destas solicitudes se atendese por parte do goberno local.

Ademais, a estrada que conduce ao parque desde Pastoriza está nun estado moi deficiente, e a chegada ao lugar non mellora: restos dunha edificación ilegal abandonada  -que xa debería estar derrubada hai bastante tempo-, un aparcamento sucio e cheo de herbas da pampa invasoras, eucaliptos dentro do parque que medran ao seu antollo e un monte nun estado de abandono evidente.

Actualmente está en licitación o contrato para o mantemento das zonas verdes do parque, mais é evidente que os problemas de Monticaño son moito máis graves e profundos. Un dos principais é que o goberno non sabe que facer nin como dinamizar un parque destas características. Como vai falar de novas ideas se non se sabe como xestionar o que temos?

Histórico do parque

O parque de Monticaño inaugurouse en 2003. O parque, de máis de 40.000 metros cadrados, rehabilitárase grazas a diversos obradoiros de emprego da Xunta de Galicia. Xa antes de 2001 se levaban investidos 1.037.000 euros e nese ano a Xunta aprobou outra subvención para un obradoiro por valor de 1.202.024 eruso. A maiores, a estes máis de 2 millóns de euros, hai que sumarle os diversos investimentos que se foron facendo nos sucesivos anos para completar as instalacións.

Cando Calvelo chegou á alcaldía en 2011 dixo que “quería que Monticaño funcionase tan ben como o monte de San Pedro na Coruña”. Nese mesmo ano tamén se prometeu licitar o uso da cafetaría – restaurante. Pois a realidade é que, 9 anos despois, a situación é de abandono absoluto.

En 2020, como outros lugares de recreo, natureza e patrimonio de Arteixo, o parque de Monticaño é sinónimo de millóns de euros abandonados, onde a maleza é a protagonista e as instalacións están pechadas.

 

 

 

O BNG denuncia o abandono do parque forestal de Monticaño